27/11/11

Outra de acrósticos

Receta orixinal para compoñer pequenos acrósticos

Ingredientes:
Un nome de persoa (o noso, ou o de alguén que queiramos).
Varias palabras relacionadas con nós mesmos ou coa persoa a quen imos agasallar co acróstico (utilizar preferentemente a imaxinación; en caso de dificultades para atopar as palabras necesarias, poden recollerse dun dicionario ou aceptar propostas doutras persoas).

Preparación:
Colócanse en maiúscula as letras que compoñen o nome, unhas debaixo das outras:
D                                                      A
E                                                      N
                                                     X
I                                                       O
A
Escóllense entre as palabras previamente seleccionadas aquelas que comezan polas letras que compoñen o nome, ata atopar as idóneas:
Dourada                                          Auga
Estrela de                                        Noite
Lume,                                              Xistra
Intrépida                                         Orixe
Amiga.

O fundamental é a combinación adecuada das palabras propostas, ben porque pertencen todas elas á mesma categoría gramatical (substantivos, adxectivos, verbos), ben pola forza do conxunto.

Para rematar, pódese transcribir o acróstico nunha cartolina -según preferencias- ou outro tipo de materiais, con distintas cores e engadir debuxos referentes ó vocabulario empregado ou algún outro tipo de decoración. Tamén pode recortarse ó redor formando algunha imaxe significativa (sol, estrela, nube...), segundo o gusto de cadaquén.

Esperamos ver a vosa creatividade cos acrósticos nominais nalgún comentario!

13/11/11

UNHA DE ACRÓSTICOS...

Para seguirmos coa maxia nas palabras, ímoslle tomar unha cunca de acrósticos.
Un acróstico (do grego ákros: cumio, beira e stikhos: liña ou verso) é unha composición poética –ou doutro tipo- na que as letras iniciais, medias o finais de cada verso ou oración lidas en sentido vertical forman un enunciado. Por extensión, chámase tamén acróstico á palabra ou locución formada por esas letras.
Na nosa literatura atopamos ás veces a maxia dos acrósticos. Hoxe imos destacar un poema de Lois Pereiro –o poeta monfortino ao que se lle están a dedicar neste 2011 as Letras Galegas- que nos dá conta da sombra que o acompañou ata a súa derradeira hora:

Somentes
Intentaba conseguir
Deixar na terra
Algo de min que me sobrevivise
Sabendo que debería ter sabido
Impedirme a min mesmo
Descubrir que só fun un interludio
Atroz entre dous muros de silencio
Só puiden evtar vivindo á sombra
Inocularlle para sempre a quen amaba
Doses letais do amor que envelenaba
A súa alma cunha dor eterna
Substituíndo o desexo polo exilio
Iniciei a viaxe sen retorno
Deixándome levar sen resistencia ó fondo dunha interna
Aniquilación chea de nostalxia.

                                             Acróstico, novembro 1994. Dos poemas póstumos.

Na literatura castelá, o acróstico máis característico está constituído por uns versos pertencentes á obra La Celestina, de Fernando de Rojas, onde se pode ler: El bachiller Fernando de Rojas acabó la comedia de Calisto y Melibea y fue nacido en la Puebla de Montalván.
Vaia, por hoxe xa imos empachados de letras iniciais. Agora teredes que investigar vós outro pouquiño sobre o tema. Animádevos tamén a escribir algún acróstico. Aquí tedes unha pequeniña mostra, da nosa autoría, para ir abrindo boca:
Donas e cabaleiros
Estádevos ben atentos
Irmáns e mais vinculeiros
Comadres e veciñanza
Aquí remata por hoxe


Lavade ben as orellas
Oíde aos vosos antergos
Gozade coas letras ledas
O vindeiro día, continuaremos.

                                                                    Sede boas e bos!!!


11/11/11

E agora.... os números capicúa e o 11.

Despois de aprender curiosidades sobre os palíndromos, parece lóxico que agora sexa o turno dos...
 NÚMEROS CAPICÚA
A palabra capicúa é de orixe catalán (capi=cabeza e cua=cola). Os números capicúa, ao igual que ocurría cos palíndromos, son números que se len de igual forma de esquerda a dereita e de dereita a esquerda. 
Parece axeitado falar o día de hoxe (11/11/11) sobre eles, non credes? Ademais, hai unha relación directa entre o número 11 e os números capicúa. Ímolo ver:
Primeiramente, todas as potencias de 11 de expoñente positivo son números capicúa:
111=11
112=121
113=1331
114=14641
...
Por outra banda, os números capicúa con un número par de cifras son todos múltiplos de 11. Esta afirmación ten facil demostración se aplicamos o criterio de divisibilidade do 11: "Un número é divisible entre 11 se a diferenza entre a suma das cifras que ocupan un lugar impar e a suma das cifras que ocupan un lugar par é 0, 11 ou múltiplo de 11". Imos poñer un exemplo:
       1234554321 é capicúa, ten un número par de cifras e, ademais é múltiplo de 11:
         (1+3+5+4+2)-(2+4+5+3+1)=15-15=0 (criterio de divisibilidade do 11)
E, por último, aínda que non sexa directamente relacionado co 11, todos os cadrados dos números cuxas cifras son exclusivamente uns, son tamén capicúas:

1²=1
11²=11
111²=12321
1111²=1234321
11111²=123454321
E máis, a que me saberías dicir cal é o valor numérico de 111111²?

Conclusión: Parece evidente que os números e a maxia están directamente relacionados. Ata a prensa (preme neste vínculo) se fai eco desta realidade!