13/11/11

UNHA DE ACRÓSTICOS...

Para seguirmos coa maxia nas palabras, ímoslle tomar unha cunca de acrósticos.
Un acróstico (do grego ákros: cumio, beira e stikhos: liña ou verso) é unha composición poética –ou doutro tipo- na que as letras iniciais, medias o finais de cada verso ou oración lidas en sentido vertical forman un enunciado. Por extensión, chámase tamén acróstico á palabra ou locución formada por esas letras.
Na nosa literatura atopamos ás veces a maxia dos acrósticos. Hoxe imos destacar un poema de Lois Pereiro –o poeta monfortino ao que se lle están a dedicar neste 2011 as Letras Galegas- que nos dá conta da sombra que o acompañou ata a súa derradeira hora:

Somentes
Intentaba conseguir
Deixar na terra
Algo de min que me sobrevivise
Sabendo que debería ter sabido
Impedirme a min mesmo
Descubrir que só fun un interludio
Atroz entre dous muros de silencio
Só puiden evtar vivindo á sombra
Inocularlle para sempre a quen amaba
Doses letais do amor que envelenaba
A súa alma cunha dor eterna
Substituíndo o desexo polo exilio
Iniciei a viaxe sen retorno
Deixándome levar sen resistencia ó fondo dunha interna
Aniquilación chea de nostalxia.

                                             Acróstico, novembro 1994. Dos poemas póstumos.

Na literatura castelá, o acróstico máis característico está constituído por uns versos pertencentes á obra La Celestina, de Fernando de Rojas, onde se pode ler: El bachiller Fernando de Rojas acabó la comedia de Calisto y Melibea y fue nacido en la Puebla de Montalván.
Vaia, por hoxe xa imos empachados de letras iniciais. Agora teredes que investigar vós outro pouquiño sobre o tema. Animádevos tamén a escribir algún acróstico. Aquí tedes unha pequeniña mostra, da nosa autoría, para ir abrindo boca:
Donas e cabaleiros
Estádevos ben atentos
Irmáns e mais vinculeiros
Comadres e veciñanza
Aquí remata por hoxe


Lavade ben as orellas
Oíde aos vosos antergos
Gozade coas letras ledas
O vindeiro día, continuaremos.

                                                                    Sede boas e bos!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario