1/11/11

Máis maxia

Unhas das estruturas máis máxicas das linguas son os palíndromos, os capicúas das letras, que se podería dicir: palabras ou frases que tanto ten ler de dereita a esquerda ou de esquerda a dereita.
Aquí vos deixo algunhas en varias linguas ben coñecidas, para que vexades que non son herba dunha lingua concreta.
En castelán, lingua na que sempre se pon de exemplo a secuencia “Dábale arroz a la zorra el abad”, hai outras tan fermosas como “Se van las naves” e tan reflexivas como “Se es o no se es”. Podedes atopar moitas máis na páxina http://www.juegosdepalabras.com/palindromo.htm
En francés hai algunha tan sonora como “Mon nom” e, xa un pouquiño máis elaborada “Ésope reste ici et se repose”. En inglés a frase “Madam, I'm Adam” xa a empregou James Joyce no seu Ulisses; tamén os americanos crearon estas estruturas simétricas coas letras, mesmo con fins propagandísticos, como se pode observar en: “A man, a plan, a canal: Panama!”.
O italiano ten fórmulas palindrómicas tan orixinais como “Lavoro oro val” ou “E la turba brutale”. Por outra banda, xa entre as linguas peninsulares, atópanse tamén exemplos interesantes, como os do portugués “Livre do poder vil”, “O galo do lago” ou “Rir, o breve verbo rir” (estes dous últimos, por certo, coincidentes co galego). En catalán hai mostras como “Català, a l'atac!” ou, con máis carácter poético “La lluna: gros òrgan ullal” e en euskera teñen estrutura simétrica as expresións “Izara erre arazi” ou “Opel zuri, diruz lepo”.
O interesante libro de Gonzalo Navaza A torre da derrota é un magnífico exemplo das posibilidades dos palíndromos en galego. Nesta obra amósase a enorme sonoridade das creacións do autor, quen xa desde o título deixa clara a súa intención. Rematamos esta viaxe pola vertente capicúa das letras cun fragmento dun poema seu:
E vén a nevE,
Amada damA,
E
Nela, o aléN.

No hay comentarios:

Publicar un comentario